Posts Tagged ‘regalos’

Uns agasallos de caramba

Sábado, Maio 17th, 2014

A intimidade é a parte da existencia á que non se debe acceder desde o exterior, o dereito á privacidade é un dereito humano.

Arredor de nós constrúese o mundo das aparencias. Vivimos na mentira. E a intimidade é o fogar do auténtico ego, onde a nosa consciencia toca a realidade. Co tempo, ese espazo de seguridade convértese en caixón para agochar o que non queremos proxectar a través da personalidade convencional.

No discurso oficial dun cargo público non hai lugar para a autenticidade. A mensaxe é unha ferramenta finalista sen vida propia. Por iso as conversas confidenciais ou fóra de cámara amosan vestixios de verdade. Son tempos de crise, mudanza, depuración. Entón, a corrupción política emerxe e a intimidade máis salvaxe fica núa ante os ollos da multitude.

A filtración das comunicacións e escoitas telefónicas a persoas implicadas en casos de corrupción política ofrece datos útiles para a análise. Un deles é a lingua de poder. Malia fabricarmos un escenario normativizado, a verdadeira lingua de poder na Comunidade Autónoma Galega é o castelán, e acéptase. Curiosamente algúns medios escriben noticias sobre modestos bandoleiros nos que salientan o emprego do idioma galego en territorio galego. Mais nos grandes negocios coa administración galega non temos corrupto nin corrupta que nos roube en galego.

O galego incide no espectro nobre da sociedade, esténdese polo corpo literario, agroma nos campos das batallas xustas e reclama o seu espazo no eido tecnolóxico. A ética da normalización debate se a lingua, para ser normalizada, precisa colonizar o lado escuro; a iniquidade, a perversidade, a frivolidade… a intranscendencia.

Namentres, seguimos agardando, no ceo das e dos xustos, que nos ofrezan presentes caralludos.