Posts Tagged ‘lingua’

Uns agasallos de caramba

Sábado, Maio 17th, 2014

A intimidade é a parte da existencia á que non se debe acceder desde o exterior, o dereito á privacidade é un dereito humano.

Arredor de nós constrúese o mundo das aparencias. Vivimos na mentira. E a intimidade é o fogar do auténtico ego, onde a nosa consciencia toca a realidade. Co tempo, ese espazo de seguridade convértese en caixón para agochar o que non queremos proxectar a través da personalidade convencional.

No discurso oficial dun cargo público non hai lugar para a autenticidade. A mensaxe é unha ferramenta finalista sen vida propia. Por iso as conversas confidenciais ou fóra de cámara amosan vestixios de verdade. Son tempos de crise, mudanza, depuración. Entón, a corrupción política emerxe e a intimidade máis salvaxe fica núa ante os ollos da multitude.

A filtración das comunicacións e escoitas telefónicas a persoas implicadas en casos de corrupción política ofrece datos útiles para a análise. Un deles é a lingua de poder. Malia fabricarmos un escenario normativizado, a verdadeira lingua de poder na Comunidade Autónoma Galega é o castelán, e acéptase. Curiosamente algúns medios escriben noticias sobre modestos bandoleiros nos que salientan o emprego do idioma galego en territorio galego. Mais nos grandes negocios coa administración galega non temos corrupto nin corrupta que nos roube en galego.

O galego incide no espectro nobre da sociedade, esténdese polo corpo literario, agroma nos campos das batallas xustas e reclama o seu espazo no eido tecnolóxico. A ética da normalización debate se a lingua, para ser normalizada, precisa colonizar o lado escuro; a iniquidade, a perversidade, a frivolidade… a intranscendencia.

Namentres, seguimos agardando, no ceo das e dos xustos, que nos ofrezan presentes caralludos.

Quero ser normal

Mércores, Abril 9th, 2014

Ola! Escribo desde un lugar onde resulta arriscado mudarmos o seguro ‘a todo riesgho‘ do carro por outro ‘a todo risco’. Pertenzo a un subconsciente colectivo afeito a axeonllarse, o cal facemos coas rodillas. A señora Revolución industrial chegou cando quixo e coa lingua do imperio pequeno na boca; daquela –de aquella, como ela diría- o metal convertía as forcadas en horquillas, e bautizábase co nome de silla un novidoso obxecto cuspidiño ás nosas cadeiras de sempre.

Éche o que hai. O verdadeiramente traballoso é analizar o proceso no que a corrección lingüística pasou de ser administrativamente legal a politicamente incorrecta. A socioloxía podería gastar a tinta de mil luras en redactar estudos arredor do auto-odio mais, neste caso, percíbese no ar certo espírito rebelde fronte o galego insípido de TVG (si, esa, a que estigmatiza fenómenos fonéticos propios da lingua galega coma o seseo, a gheada ou o rotacismo, mentres alimenta un acento castizo que a miña avoa xa non comprende).

Vexamos. A normalización da lingua galega non é apenas unha cuestión sociopolítica, senón ecolóxica en canto a biodiversidade, e mesmo xeoestratéxica: as linguas son “paxaros que non entenden de fronteiras”. Non se debería tratar o idioma coma un enfermo recluído entre os marcos dunha comunidade autónoma. Abrirémoslle unha xanela a douscentos millóns de persoas (incluída a miña avoa)? Iso xa é outra historia, unha historia de prexuízos que non hai en Estremadura, por exemplo.

Unha anécdota. É o aniversario do meu sobriño; Mércalle O Principiño; Ah! El Principito [risos]. Será que Saint-Exupéry escribiu a obra orixinal en castelán e foi traducida ao francés con grande éxito? Temos Madrid como capital cultural -enténdase industria cultural-. Así dásenos unha situación de filtro cultural: inflúe no que lemos e ouvimos, e o idioma no que o facemos, modelando condutas. E a proxección cultural galega comeza ineludibelmente por ese mercado, o cal tamén modela o estilo, é dicir: na medida na que o primeiro sinal de éxito literario for a tradución ao castelán ou a aparición en medios de comunicación de nivel estatal, o emprego desta canle será un obstáculo para as peculiaridades autóctonas, e unha ferramenta de asimilación cultural. Macro-realidades que se escapan das nosas micro-mans, mais está ben sabelo.

En fin. Non quero entrar no circo das anécdotas discriminatorias. Quero ser diferente. Quero ser normal. Disque a ollos da sociedade a liberdade de elixir o meu idioma propio pode implicar orientacións partidarias. Falar galego na Galiza, hoxe, é facer política. Pois fagamos política, política de rúa, do boca a orella, da epiglote aos beizos, da lingua ao corazón. Sementarmos sensibilidade, para que se sensibilice co problema de fondo da diglosia toda a xente, sexa castelán-falante, chinés-falante, neo-falante, paleo-falante ou falo-pensante. Non sei como se di adoquín en galego. Non sei escribir nesta norma ortográfica. Non ten madía. Quero soñar, crear, sumar, quero falar con sotaque, con retranca, con regueifa, unha linguaxe corporal, unha lingua de signos, unha fala non sexista. Quérome! Quérote! Viva! Mais, no fondo, só quero ser normal, e diferente, á vez.

Lua de Abril (Língua)

Venres, Maio 17th, 2013

(foto-haiku para concurso da Gentalha do Pichel)

porque me sabes

levo-te com gorência

no ceu da boca

Eu nunca serei yo

Sábado, Xuño 30th, 2012

(fotografía gañadora do certame ‘Unha imaxe para o galego’ 2008)

Co galego… ata o inferno

Venres, Xuño 29th, 2012

(curtametraxe gañadora do certame ’24 horas galego fullscreen’ 2010)

Crónica da palestra ‘A lingua no ensino’ (C.S. Gomes Gaioso)

Xoves, Marzo 4th, 2010

O Centro Social Gomes Gaioso, posiblemente o sitio da Coruña onde máis se pón en valor a lingua e a cultura galegas, está a acoller unhas xornadas de debate sobre o idioma. O pasado venres (26/02/2010) tiven o pracer de asistir a un amigábel coloquio coa lingua no ensino como vehículo comunicacional, e achei reflexións a seguir.

Iago Barros (Agir) estaba a se laiar, cando eu cheguei, do panorama desesperanzador que, sendo realistas, cobre a lingua na sociedade e nos centros educativos. Chamou a ocupar a rúa para combater o discurso galegófobo dunha elite “parasita” apoiada pola ultradereita española. Tamén explicou os labores da organización que representa, entre o estudantado, fundamentalmente na Coruña, Ferrol, Lugo, Compostela e Vigo. Neste punto, consulteille a posibilidade de sair dos teóricos ‘ghettos’ castelanfalantes para previr a perda de liberdades lingüísticas producida nas vilas: a inmersión familiar en castelán que moitos galegofalantes realizan nas súas crianzas, que antes se diluía ao entrar na escola en contacto cunha maioría criada na lingua natural, agora chega callar até facer xurdir xeracións diglósicas. Aí, coma tantas outras veces, entramos no terreo do posibilismo e os medios.

Sonia Fernández Casal (STEG) agasallounos cunhas persoais pinceladas da súa experiencia como galega, mestra, sindicalista e feminista. Dende que a súa nai lle rogara, ao se instalaren na Coruña, que non falase galego pois “para burra xa chegaba ela”, foise acostumando a nadar coma salmón no río. Os coñecementos adquiridos tras varios anos dando aulas anglófonas de matemáticas no sistema educativo asturiano, servíronlle para alimentar unha crítica construtiva ao decreto do 2007 (si, o do bipartito): non contemplaba incentivos nen apoios para dar as clases en galego. Ela desfrutara na estadía asturiana compensacións por ensinar en inglés, tales coma 3 horas semanais libres para preparar contidos, co apoio do departamento de lingua inglesa. Por que non se podía facer o mesmo na Galiza co apoio dos departamentos de galego? Partindo da realidade docente, cos seus prexuízos ou filias idiomáticas, xa sexa por motivos ideolóxicos ou intelectuais, que solucións prácticas hai que poñer enriba da mesa para que un mestre dea ese paso sen molestarse porque non o teña que dar o do lado? Apoios, incentivos e material facilitado en galego, pois non todo o mundo pode investir ducias de horas mensuais na elaboración duns contidos dignos, e non se pode consentir dar aulas en galego aínda que sexa un pésimo galego.

Sonia aínda tivo tempo para polemizar coa estratexia da Mesa, aínda que respeitando o seu traballo; pois a súa máxima de facer cumprir a lei é unha mensaxe de duplo fío segundo quen goberne, e está a solapar o verdadeiro cerne da creación de galegofalantes: a pedagoxía.

François Davo (CIG) é un cidadán Galego. El pensa que é francés, porque naceu alí e leva relativamente pouco tempo na Galiza. Mais a súa integración e implicación din o contrario. Chegou coma mestre de francés ao instituto de Pontecarreira (Comarca de Ordes), que lembra coma unha “reserva” pola conservación do idioma que xa non percibiu noutros lugares, e viu que o máis natural era exercer en galego e francés; “coma fixeron os galegos emigrados na Franza: por educación“. Observou sen embargo que a escola pública mantiña a secular imposición do castelán nunha sociedade monolingüe en galego, e que esa castelanización pública contrastaba coa baixa intensidade do servizo de normalización lingüística do galego, cinguido ao ‘folclorismo’. Máis recentemente, viviu en 1ª persoa a consulta da Consellaría de Jesús Vazquez a algúns pais, que calificou de “atentado lingüístico” en base a análises xa hiperligadas. Na enganosa consulta, obviárono a el como “pai e nai de lingua francesa” e a todos os proxenitores e titores non encadrados nas únicas opcións de lingua materna do cuestionario: castelán e galego.

Finalmente, tratouse o tema da inmersión forzosa en castelán dos inmigrantes que veñen á Galiza, cos problemas de integración que conleva fóra das grandes urbes. E emprazámonos, co optimismo que debe xerar o debate social suscitado, mais acompañados duns refrixerios, para a seguinte palestra da vindeira sexta (5/3/2010) sobre o galego estremeiro.

 

Unha imaxe para o decreto do galego

Martes, Xaneiro 5th, 2010

Fotografía participante no certame ‘Unha imaxe para o galego 2009‘ do xornal dixital Vieiros en colaboración coa S. X. de Política Lingüística: ‘Perigo! (os galegófobos ateigan as carnicerías)’

*

Moito e ben se falou xa da improvisada e fuxidía apresentación do borrador do decreto ‘borrador’ do galego…

O sociólogo Fermín Bouza Álvarez incidía nos irrecuperábeis guetos urbanos monolingües en castelán; o mestre Valentim R. Fagim afondaba no desaproveitamento da nosa potencialidade lingüística; o escritor Agustín Fernández Paz numeraba 6 pontos que a modo teolóxico se poderían resumir en dous: ilegalidade estatutaria e ausencia de ética democrática; Manuel Bragado asegurou que lle escorreron as bágoas pola face ao ter coñecemento do texto, pois dóelle a lingua e mailo peto (hai que ter en conta que o mundo editorial galego xa fora atacado polo goberno feixista coa eliminación das axudas para tradución); e quizais, Filipe Díez, fixo o desmiuzamento máis completo do documento. Mesmo se ideou na rede unha orixinal teoría do 33+17% de galego-portugués no ensino co novo decreto.

Mais este polémico bosquexo estaba falto de acompañamento visual. E ante a ausencia dunha boa fotografía de familia, que deixara na diana da Historia aos perpetradores da infamia -cal trío das Azores-, nada mellor que a metáfora dun sentimento colectivo: o obxectivo da galegofobia feito carne.