Posts Tagged ‘corcoesto’

O libro ‘Versus cianuro’ xa é unha realidade viva

Xoves, Xullo 11th, 2013

A lírica costeira ergueu a pluma contra a mina de Corcoesto e toda esa forza creativa materializouse neste libro. Pódese describir como unha obra poética, colectiva, solidaria. Tamén se pode analizar coma un ser vivo, o cal nacía espallado en cada alma que se estremecía coas primeiras noticias sobre a explotación a ceo aberto, o cal feito papel percorre hoxe o País de recital en recital.

O pasado verán aumentaba a socialización do conflito e a Plataforma pola Defensa de Corcoesto e Bergantiños organizaba un recital de poesía, versos contra o cianuro, no Couto. Este ano, a Asociación Cultural Caldeirón de Malpica comezaba a recompilar poemas ilustres contra a ameaza mineira, e facía unha chamada a incrementar o material. Lucía Aldao, Lino Braxe, Rosalía Fernández Rial, Paco de Tano… Finalmente Paco Souto reunía as colaboracións altruístas de 75 -setenta e cinco- poetas da Costa da Morte -e arredores- e nesta primavera saía do prelo o libro editado por Caldeirón con ilustracións de Nolo Suárez.

‘Versus cianuro, poemas contra a mina de ouro de Corcoesto’ presentouse ao público do ‘Concerto a ceo aberto’ de Carballo e no ‘III Enarborar o bosque’ de Santa Mariña fíxoo con lectura incluída dalgunhas persoas autoras presentes. Desde entón, continúa unha imparábel andaina de recitais, que pretenden ser un chanzo máis na loita para que o proxecto aurífero non se leve a cabo.

Velaquí as próximas paradas confirmadas (os e as autoras reparten a súa asistencia aos recitais):
11/07/2013 ás 21:00 na Gentalha do Pichel (Compostela).
20/07/2013 ás 20:30 na Bou Eva (Vigo).
30/07/2013 ás 21:00 na Semana Cultural da Festa da Carballeira (Zas).
12/08/2013 ás 21:00 na Feira do Libro de Cee.
23/08/2013 ás 20:30 na Feira do Libro de Carballo.
31/08/2013 ás 21:00 no Festival da Poesía no Condado (Salvaterra de Miño).
20/09/2013 ás 20:00 no Clavicémbalo (Lugo).
30/10/2013 ás 21:00 no Modus Vivendi (Compostela).
*Nestes actos ou a través de Caldeirón pódense conseguir exemplares do libro por 5 euros (gastos de edición e organización).

Cousinhas: mina SI cianuro SI

Sábado, Marzo 16th, 2013

(viñeta para a Plataforma pola Defensa de Corcoesto e Bergantiños)

O Baleiro (Corcoesto)

Venres, Marzo 15th, 2013

(poema publicado no libro Versus cianuro editado pola Asociación Cultural Caldeirón de Malpica de Bergantiños)

No teimoso baleiro
a non-auga é bafo
a non-terra é cinza
as non-árbores deambulan espíritas
e as non-tiopas son unha especie de paxaros comeúntos…
O non-tempo é ausencia.
E cada alma que se asoma á ausencia
desaparece
vertixinosa
coma unha década na eternidade.

La Voz de la Mina

Martes, Decembro 25th, 2012

Máis outra véspera de Nadal, estabamos onte a catar uns caldos do País pola aldea adiante para quecer o motor, e así comezar a cea familiar cunha areíña xusta e necesaria (hic!). Como non hai taberna que non reciba La Voz de Galicia, para comparala coa realidade e botar unhas risas, decidín poñer o ollo nunha nova sobre a reunión da Plataforma pola Defensa de Corcoesto. Aghárrate María.

O título da noticia –Mineira de Corcoesto garantiza la inocuidad de la explotación– non ten que ver coa reunión, tampouco o subtítulo, nin o propio texto (non a ligo aquí por aforrarvos o disgusto e por boicoz). Só na foto aparece a única que está a dar a cara, a Plataforma pola Defensa de Corcoesto, cando a Mineira é quen ten máis cara. A Voz fai de altofalante de Edgewater e publica un burdo ataque á Sociedade Galega de Historia Natural por difundir un alarmante informe do CSIC, organismo que cousas da vida ven de situarse entre os 10 principais centros de investigación do mundo. Este enxendro informativo está asinado por S.G.Rial, mais nestes tempos difíciles tampouco nos imos cebar cunha persoa que non é máis que unha mandada do director.

Sorprendeume bastante que un señor tan independente sucumbise aos encantos dunha empresa de Canadá. Aínda que xa tiña escoitado da boca dun veciño seu que “Santiago Rey vive de tres piares: a defunción, a prostitución e a subvención“. O das esquelas é culpa nosa por non morrer con estilo, o dos anuncios de contactos habería que miralo (polo menos para os espazos públicos que reciben o panfleto), e o das subvencións… Amigo! Aí é onde lle doe porque como me ten contado unha ex-traballadora da Voz: “o PP non ten que afrontar convocatorias electorais a curto prazo e polo tanto non ten necesidade de arbitrar axudas para propiciar conivencias informativas“.

Que conste que non me parece mal que o marqués de Sabón se bote uns amigos canadenses para buscarse a vida, pero aconséllolle que non o faga a costa da saúde da xente, esas cousas acábanse pagando.

P.S.: enzoufándome na hemeroteca da Voz atopei outras informacións ao respecto, arrepiante…

Somos los primeros en contra de la minería contaminante, onde o autor do titular non é un portavoz da Plataforma de Corcoesto senón o responsábel de medio ambiente da Mineira (entrevistado a toda cor desde os ‘mundos de Yupi’).

El personal de Mineira reclama el fin de los ataques a su trabajo, asinado por Toni Longueira, onde a multinacional extractiva manipula de forma surrealista e terceiromundista os seus empregados (os de Edgewater e os da Voz).

Medio Ambiente exige a la compañía un compromiso social y laboral con la comarca, sen asinar, onde a redacción de Carballo canta loanzas sobre o esixente que é a administración, cando na realidade está acelerando os trámites do proxecto saltando por riba da lexislación ambiental vixente ou modificándoa ad hoc.

P.S.2: o que nos faltaba, seica a muller do subdirector da Voz foi contratada como xefa de prensa da mineira, queda todo en familia!

P.S.3: a cousa é seria, disque a redacción de Carballo ten directrices expresas de Sabón sobre o tratamento que deben recibir as informacións sobre Corcoesto, seguiremos investigando!

P.S.4: no blog das ex-Voz e nos seus comentarios achegan máis datos intrigantes ao watergate de Corcoesto, como a estratexia da Voz de derivar a atención cara o debate partidista (nos últimos artigos a redacción de Carballo pretende identificar a heteroxénea oposición á mina nomeadamente co BNG).

Alerta sanitaria por febre do ouro en políticos galegos

Xoves, Xullo 12th, 2012

Se ben esta enfermidade se pensaba erradicada da Unión Europea, acendéronse todas as alarmas a nivel nacional cando o mesmo Presidente da Xunta anunciaba en xuño ver 1.400 postos de traballo en Corcoesto, onde non hai máis de 14 facendo a comparativa con Salave:

Xa non é ver dobre, senón 50 veces dobre, o cal dá unha achega da magnitude da doenza.

Todo parece indicar que a epidemia se está a estender pola Consellaría de Medio Ambiente / Territorio / Infraestruturas, mentres que xa está fóra de control na de Economía / Industria, segundo se desprende das febrís intervencións do seu titular.

Mais os peores síntomas observados chégannos desde o epicentro do contaxio, a zona cero da febre do ouro, Corcoesto, onde o Alcalde -xa con perdas de conciencia- ven de converter o concello de Cabana nunha sucursal de recursos humanos clandestina. E disque o seu curmán, que goberna o limítrofe concello de Zas, xa se foi mirar non vaia ser o demo.

Barállase como causa o envelenamento por cianuro durante as xuntanzas da Edgewater Exploration Ltd. cos políticos afectados:

Segundo os expertos, este virus transnacional -que se reproduce en lugares tan distantes como Galiza e Ghana– ten cura, bastaría con aplicar unha dose concentrada de dignidade do país.

P.S.: información facilitada pola Plataforma pola Defensa de Corcoesto, a única que está a loitar pola saúde do pobre alcalde e das súas veciñas e veciños