Posts Tagged ‘carballo’

Uns agasallos de caramba

Sábado, Maio 17th, 2014

A intimidade é a parte da existencia á que non se debe acceder desde o exterior, o dereito á privacidade é un dereito humano.

Arredor de nós constrúese o mundo das aparencias. Vivimos na mentira. E a intimidade é o fogar do auténtico ego, onde a nosa consciencia toca a realidade. Co tempo, ese espazo de seguridade convértese en caixón para agochar o que non queremos proxectar a través da personalidade convencional.

No discurso oficial dun cargo público non hai lugar para a autenticidade. A mensaxe é unha ferramenta finalista sen vida propia. Por iso as conversas confidenciais ou fóra de cámara amosan vestixios de verdade. Son tempos de crise, mudanza, depuración. Entón, a corrupción política emerxe e a intimidade máis salvaxe fica núa ante os ollos da multitude.

A filtración das comunicacións e escoitas telefónicas a persoas implicadas en casos de corrupción política ofrece datos útiles para a análise. Un deles é a lingua de poder. Malia fabricarmos un escenario normativizado, a verdadeira lingua de poder na Comunidade Autónoma Galega é o castelán, e acéptase. Curiosamente algúns medios escriben noticias sobre modestos bandoleiros nos que salientan o emprego do idioma galego en territorio galego. Mais nos grandes negocios coa administración galega non temos corrupto nin corrupta que nos roube en galego.

O galego incide no espectro nobre da sociedade, esténdese polo corpo literario, agroma nos campos das batallas xustas e reclama o seu espazo no eido tecnolóxico. A ética da normalización debate se a lingua, para ser normalizada, precisa colonizar o lado escuro; a iniquidade, a perversidade, a frivolidade… a intranscendencia.

Namentres, seguimos agardando, no ceo das e dos xustos, que nos ofrezan presentes caralludos.

Quero ser normal

Mércores, Abril 9th, 2014

Ola! Escribo desde un lugar onde resulta arriscado mudarmos o seguro ‘a todo riesgho‘ do carro por outro ‘a todo risco’. Pertenzo a un subconsciente colectivo afeito a axeonllarse, o cal facemos coas rodillas. A señora Revolución industrial chegou cando quixo e coa lingua do imperio pequeno na boca; daquela –de aquella, como ela diría- o metal convertía as forcadas en horquillas, e bautizábase co nome de silla un novidoso obxecto cuspidiño ás nosas cadeiras de sempre.

Éche o que hai. O verdadeiramente traballoso é analizar o proceso no que a corrección lingüística pasou de ser administrativamente legal a politicamente incorrecta. A socioloxía podería gastar a tinta de mil luras en redactar estudos arredor do auto-odio mais, neste caso, percíbese no ar certo espírito rebelde fronte o galego insípido de TVG (si, esa, a que estigmatiza fenómenos fonéticos propios da lingua galega coma o seseo, a gheada ou o rotacismo, mentres alimenta un acento castizo que a miña avoa xa non comprende).

Vexamos. A normalización da lingua galega non é apenas unha cuestión sociopolítica, senón ecolóxica en canto a biodiversidade, e mesmo xeoestratéxica: as linguas son “paxaros que non entenden de fronteiras”. Non se debería tratar o idioma coma un enfermo recluído entre os marcos dunha comunidade autónoma. Abrirémoslle unha xanela a douscentos millóns de persoas (incluída a miña avoa)? Iso xa é outra historia, unha historia de prexuízos que non hai en Estremadura, por exemplo.

Unha anécdota. É o aniversario do meu sobriño; Mércalle O Principiño; Ah! El Principito [risos]. Será que Saint-Exupéry escribiu a obra orixinal en castelán e foi traducida ao francés con grande éxito? Temos Madrid como capital cultural -enténdase industria cultural-. Así dásenos unha situación de filtro cultural: inflúe no que lemos e ouvimos, e o idioma no que o facemos, modelando condutas. E a proxección cultural galega comeza ineludibelmente por ese mercado, o cal tamén modela o estilo, é dicir: na medida na que o primeiro sinal de éxito literario for a tradución ao castelán ou a aparición en medios de comunicación de nivel estatal, o emprego desta canle será un obstáculo para as peculiaridades autóctonas, e unha ferramenta de asimilación cultural. Macro-realidades que se escapan das nosas micro-mans, mais está ben sabelo.

En fin. Non quero entrar no circo das anécdotas discriminatorias. Quero ser diferente. Quero ser normal. Disque a ollos da sociedade a liberdade de elixir o meu idioma propio pode implicar orientacións partidarias. Falar galego na Galiza, hoxe, é facer política. Pois fagamos política, política de rúa, do boca a orella, da epiglote aos beizos, da lingua ao corazón. Sementarmos sensibilidade, para que se sensibilice co problema de fondo da diglosia toda a xente, sexa castelán-falante, chinés-falante, neo-falante, paleo-falante ou falo-pensante. Non sei como se di adoquín en galego. Non sei escribir nesta norma ortográfica. Non ten madía. Quero soñar, crear, sumar, quero falar con sotaque, con retranca, con regueifa, unha linguaxe corporal, unha lingua de signos, unha fala non sexista. Quérome! Quérote! Viva! Mais, no fondo, só quero ser normal, e diferente, á vez.