Archive for the ‘contos e artigos xornalísticos’ Category

Uns agasallos de caramba

Sábado, Maio 17th, 2014

A intimidade é a parte da existencia á que non se debe acceder desde o exterior, o dereito á privacidade é un dereito humano.

Arredor de nós constrúese o mundo das aparencias. Vivimos na mentira. E a intimidade é o fogar do auténtico ego, onde a nosa consciencia toca a realidade. Co tempo, ese espazo de seguridade convértese en caixón para agochar o que non queremos proxectar a través da personalidade convencional.

No discurso oficial dun cargo público non hai lugar para a autenticidade. A mensaxe é unha ferramenta finalista sen vida propia. Por iso as conversas confidenciais ou fóra de cámara amosan vestixios de verdade. Son tempos de crise, mudanza, depuración. Entón, a corrupción política emerxe e a intimidade máis salvaxe fica núa ante os ollos da multitude.

A filtración das comunicacións e escoitas telefónicas a persoas implicadas en casos de corrupción política ofrece datos útiles para a análise. Un deles é a lingua de poder. Malia fabricarmos un escenario normativizado, a verdadeira lingua de poder na Comunidade Autónoma Galega é o castelán, e acéptase. Curiosamente algúns medios escriben noticias sobre modestos bandoleiros nos que salientan o emprego do idioma galego en territorio galego. Mais nos grandes negocios coa administración galega non temos corrupto nin corrupta que nos roube en galego.

O galego incide no espectro nobre da sociedade, esténdese polo corpo literario, agroma nos campos das batallas xustas e reclama o seu espazo no eido tecnolóxico. A ética da normalización debate se a lingua, para ser normalizada, precisa colonizar o lado escuro; a iniquidade, a perversidade, a frivolidade… a intranscendencia.

Namentres, seguimos agardando, no ceo das e dos xustos, que nos ofrezan presentes caralludos.

Quero ser normal

Mércores, Abril 9th, 2014

Ola! Escribo desde un lugar onde resulta arriscado mudarmos o seguro ‘a todo riesgho‘ do carro por outro ‘a todo risco’. Pertenzo a un subconsciente colectivo afeito a axeonllarse, o cal facemos coas rodillas. A señora Revolución industrial chegou cando quixo e coa lingua do imperio pequeno na boca; daquela –de aquella, como ela diría- o metal convertía as forcadas en horquillas, e bautizábase co nome de silla un novidoso obxecto cuspidiño ás nosas cadeiras de sempre.

Éche o que hai. O verdadeiramente traballoso é analizar o proceso no que a corrección lingüística pasou de ser administrativamente legal a politicamente incorrecta. A socioloxía podería gastar a tinta de mil luras en redactar estudos arredor do auto-odio mais, neste caso, percíbese no ar certo espírito rebelde fronte o galego insípido de TVG (si, esa, a que estigmatiza fenómenos fonéticos propios da lingua galega coma o seseo, a gheada ou o rotacismo, mentres alimenta un acento castizo que a miña avoa xa non comprende).

Vexamos. A normalización da lingua galega non é apenas unha cuestión sociopolítica, senón ecolóxica en canto a biodiversidade, e mesmo xeoestratéxica: as linguas son “paxaros que non entenden de fronteiras”. Non se debería tratar o idioma coma un enfermo recluído entre os marcos dunha comunidade autónoma. Abrirémoslle unha xanela a douscentos millóns de persoas (incluída a miña avoa)? Iso xa é outra historia, unha historia de prexuízos que non hai en Estremadura, por exemplo.

Unha anécdota. É o aniversario do meu sobriño; Mércalle O Principiño; Ah! El Principito [risos]. Será que Saint-Exupéry escribiu a obra orixinal en castelán e foi traducida ao francés con grande éxito? Temos Madrid como capital cultural -enténdase industria cultural-. Así dásenos unha situación de filtro cultural: inflúe no que lemos e ouvimos, e o idioma no que o facemos, modelando condutas. E a proxección cultural galega comeza ineludibelmente por ese mercado, o cal tamén modela o estilo, é dicir: na medida na que o primeiro sinal de éxito literario for a tradución ao castelán ou a aparición en medios de comunicación de nivel estatal, o emprego desta canle será un obstáculo para as peculiaridades autóctonas, e unha ferramenta de asimilación cultural. Macro-realidades que se escapan das nosas micro-mans, mais está ben sabelo.

En fin. Non quero entrar no circo das anécdotas discriminatorias. Quero ser diferente. Quero ser normal. Disque a ollos da sociedade a liberdade de elixir o meu idioma propio pode implicar orientacións partidarias. Falar galego na Galiza, hoxe, é facer política. Pois fagamos política, política de rúa, do boca a orella, da epiglote aos beizos, da lingua ao corazón. Sementarmos sensibilidade, para que se sensibilice co problema de fondo da diglosia toda a xente, sexa castelán-falante, chinés-falante, neo-falante, paleo-falante ou falo-pensante. Non sei como se di adoquín en galego. Non sei escribir nesta norma ortográfica. Non ten madía. Quero soñar, crear, sumar, quero falar con sotaque, con retranca, con regueifa, unha linguaxe corporal, unha lingua de signos, unha fala non sexista. Quérome! Quérote! Viva! Mais, no fondo, só quero ser normal, e diferente, á vez.

O home ra

Venres, Febreiro 7th, 2014

Ves aquel illote ateigado de salgueiros; Vexo; Pois aí nacín eu.

Daquela aínda era eu miúdo abondo e podía voar lixeiro, lixeiro, sobre o significado que encerraban as bretemosas palabras do meu avó. Entón o maxín proxectábame historias incribles e perfectamente verdadeiras. Pechaba os ollos para ver, unha barca a navegar polo lago, illa por illa apañando crianciñas para a escola. Desde os embarcadoiros, as nais e os pais axitaban os dedos de enormes xemas, despedíanse na lingua cantareira das ras -malia que na escola os cágados deprenderían a lingua das persoas- e acto seguido pegaban un chimpo para desapareceren nas augas escuras.

Co pasar do tempo, co devalar da fantasía, descubrín que este mar interior é na realidade un encoro.  Descubrín que este río está inzado de represas, pequenas e xigantes, antigas e recentes, presentes e futuras, das que parten pistas que fenden fragas. Descubrín que esta bacía está secuestrada por un señor de Madrid que nos zuga a enerxía sen sequera coñecernos. Tamén descubrín o aniquilador exército de cangrexos que non se combate, a morte do millón de troitas afogadas en cobiza humana e outros acontecementos singulares. Mais sobre todas as cousas, descubrín que o meu avó non nacera nun illote senón nunha vizosa aldea de ribeira fluvial, posiblemente no máis fermoso de todos os vales: aquel que se conserva somerxido no recordo.

Nunha época na que o protesto social podía significar a morte, comezaban as obras do encoro. Aldeas enteiras de varias parroquias das terras xalleiras eran despexadas do mapa. Centos de membros dun tecido vivo de redes familiares, comunitarias, naturais, veríanse esparexidos polo mundo coma os anacos do estouro dunha granada de man. Esta é, pois, a historia dun desterro senlleiro.

Algunhas persoas ficarían a morar ao pé das augas, mercando lugares que antes foran terras altas. As demais seguirían o seu camiño sempre desde o epicentro cara o exterior, atopando pinga a pinga comenencias en lugares próximos, ou na Coruña, ou na Arxentina, ou en ningures. Dentro do perímetro non deixarían unha árbore sen cortar nin unha cantaría sen levar, agás as dunha pequena ponte que, cada vez que baixa o nivel das augas, nos advirte da existencia da Atlántida.

O éxodo fugaz do meu avó rematou a poucos quilómetros da zona cero. Desde o alto do Chan das Lagoas pode ver a enorme masa de auga en toda a súa superficie. Olla o encoro con certa admiración, mais no azul da súa mirada perdida naufragan lembranzas de xuventude.

Hoxe volvemos ao mesmo sitio. O que sería un curto traxecto en liña recta é hoxe unha complicada circunvalación, as localidades pasaron de veciñas a transfronteirizas. Hai festa patronal. A igrexa do que resta da freguesía orixinal é un vestixio da dislocación, coa súa inscrición do século XIX sobre pedra trasladada no XX. Os encontros emocionais son inevitábeis e o noso particular atlante fúndese nun atrapallado abrazo infantil cunha muller maior: Lémbraste; Lembro; Va que era bo compañeiro; Abofé, o mellor; Cando vos deixaba a coidar o gando…; …E voltabas cunha manchea de peras, ai que boas eran; Eran boas, eran…

Marchamos, co estómago aínda encollido, en dirección ao embalse. Este mes houbo seca e confiamos en que o descenso de caudal deixe ao descuberto o camiño á aldea natal. A paisaxe que deixa a auga fuxida é desoladora. Unha chaira erma, coa pel escuartexada, e sobre ela pousadas as negras cachopas. A lama estorba, mais non interrompe a viaxe, e chegamos ao fin.

Procura orientarse na nada absoluta. Atravesa teatral a porta imaxinaria da casa e, algo atordado, apóiase no baleiro que supón deixou a pedra do lar. Enfita un punto con gravidade: Aí estaba antes a igrexa, e o cemiterio; Tamén levaron as lápidas; Non, nos tempos de antes non había diso por aquí, os mortos ían á terra, e aí permanecen.

E volvín pechar os ollos para ver, os espíritos do camposanto a danzar cos antergos das ducias de mámoas que tamén quedaron asolagadas nesta zona, en eterno baile tenebroso.

Así rematou esta anfibia viaxe no tempo. Unha viaxe melancólica, mais é a nosa viaxe.

Corre, Canceliñas, corre!

Martes, Novembro 12th, 2013

Os medios de comunicación apenas dispoñen dos furtos da subsistencia para amedrontar a poboación. Cada noticia de temática delituosa remata poñendo en destaque a necesidade de máis vixilancia, mais imos camiño dun millón de persoas en situación de exclusión social na Galiza, e é demasiada xente para vixiar. Faise difícil ocultar as causas estruturais, manter o roubo de produtos de primeira necesidade como un feito illado, malos tempos para a lírica capitalista.

É neste gris escenario onde por fin aterra un delincuente profesional, dos que poñen en xaque a policía; fílmico, dos que foxen da cadea nunha corda de sabas; romántico, dos que rachan o terceiro grao por ir ver a namorada. Quizais sexa a síndrome de abstinencia, e non a loita de clases, a súa motivación para atracar bancos. E malia viaxar en autos de gama alta non é deses ladróns vocacionais de puro e garabata.

Mais fai felices a todas as pezas do xadrez: as brancas teñen a súa personaxe diabólica para meteren medo; as negras, o noso adicto á liberdade sen nada que perder.

Os alimentos salvaxes da Costa da Morte

Martes, Novembro 5th, 2013

O outono trouxo unha rica aínda que serodia tempada de cogumelos á Costa da Morte, desde os deliciosos níscaros que estran algúns pinares até os versátiles choupíns que abrollan nos pasteiros, e o gusto polos fungos comestíbeis agroma tamén por toda a bisbarra. Despois de se organizaren xornadas en Vimianzo, Coristanco ou Fisterra, xa chegan as da Asociación Micolóxica Pan de Raposo en Cee, que vai pola 13ª edición. Quizais fose necesario complementar o traballo asociativo cunha maior implicación por parte das administracións, pois nestes casos cando medra o interese da poboación sen información axeitada medran os riscos asociados como intoxicacións non desexadas, e para o anecdotario engado que a TVG empregou a fotografía dun fermoso pero velenoso rebentabois para ilustrar un comentario sobre a recolleita de cogordos. A chave está na responsabilidade, é ese o caso de medios como QPC, que mesmo conta cunha columna de opinión específica sobre micoloxía.

Unha vez que a sociedade está a sacudir as resistencias culturais a este alimento, despois de décadas de lendas escuras entorno ao pan de cobra, tamén é hora de que as restauradoras da zona experimenten pratos con produtos de proximidade e de tempada en variedades tanto outonais como primaverais. Persoas expertas, para asesorar, témolas. E podería ser un grande salto de calidade ofertar no futuro, de vez en cando, por fóra do que son as especies comerciais de cultivo. Mais para chegar a isto non só habería que pór en valor o padal, senón tamén o monte. De momento, hai que gozar certos manxares na intimidade, ou conformarse con encontros como o da semana pasada no bodegón da Anchoa.

Xeneroso en alimentos salvaxes é este recanto do mundo, ademais do reino das hifas temos o das algas, no que tampouco é obrigatorio sementar nin sachar para levar á cociña uns espaguetes de mar ou unhas leitugas de mar. Malia que en grande parte a súa explotación con fins alimentarios segue a ter como horizonte a exportación, o argazo chegou aos nosos establecementos hostaleiros para ficar, e moído tamén é un saudable e saboroso substitutivo do sal de mesa. Para rematar, agora no reino vexetal, coido que unha das mellores actividades naturais e culinarias que se poden facer no noso rural é dar un paseo antes de xantar ao mesmo tempo que se vai preparando polo camiño unha ensalada de herbas e flores silvestres comestíbeis: couselos, agróns, violas, capuchiñas… Ollo neste tema -coma en todos- pois hai que saber identificar o que se leva á boca, a planta exacta, o entorno limpo e uns minutiños en auga cunhas pingas de vinagre.

Estas sabedorías populares foron cultura xeral durante séculos. Hoxe é un coñecemento en vías de recuperación. E onde moito se está a traballar pola arqueogastronomía é no concello de Vimianzo: os Pinchos Irmandiños, os Outonos Gastronómicos, e agora, o proxecto “Do mar á terra”. Este, pretende traer a 12 restaurantes da vila menús da Idade do Ferro e do Medievo, con asesoramento científico. O próximo venres haberá unha demostración ao vivo no Castelo. Imperdible. Quizais se presenten por aló algúns dos alimentos salvaxes aquí mencionados. Bo proveito e sentidiño.

Fotografía propia: Pan de cabra (Cantharellus cibarius)

Artigo publicado en Que Pasa na Costa

“A historia non se repite, fai rimas”

Martes, Outubro 1st, 2013

O Monte Pindo rima coas Fragas do Eume. É unha rima consoante imperceptible para o ollo desmemoriado. Ao igual que Corcoesto rima con Roșia Montană. Apenas é unha cuestión de cronoloxía.

Como cada verán, ardeu o monte, e un espazo natural protexido a protexer ardeu, ou máis ben ardérono. No Pindo non só é que arderan o monte noso, extinguiran especies endémicas ou danaran complexos arqueolóxicos. No Pindo queimaron vivo un xigante mitolóxico, que deu acubillo nas súas entrañas a bos e xenerosos durante anos de inhumanidade non tan afastados no tempo, e queimaron soños… A cooperativa Raíña Lupa leva anos a soñar un proxecto de agricultura ecolóxica vencellado a esta terra, que ía ser visitado neste mes por Enxeñería Sen Fronteiras e un técnico de Honduras para trocar coñecementos, ate que unha lingua de lume se meteu polo medio. A asociación Monte Pindo Parque Natural leva anos a soñar cunha administración protectora que non chega. Etcétera.

E agora voltan as pantasmas da incerteza. Os medios de extinción, militarización e propaganda xa comeron os orzamentos de prevención, restauración e investigación. Amoréanse os sospeitosos no salón mais non está Sherlock Holmes. Os intereses económicos detrás do atentado ecolóxico fican outra vez impunes mentres a figura de protección ambiental arde nalgún despacho lonxe da Costa da Morte. Goberno e oposición cumpren o seu rol independentemente da cor política. Aínda así, doe escoitar dun Presidente que o Monte Pindo non é parque natural nin o será, e resulta obsceno que un ex-conselleiro do Medio Rural -agora ocupado en labores de persecución ideolóxica- saia a escena para culpar a poboación rural galega da situación. Deberiamos dimitir e exiliarnos nas cidades? Debemos actuar como unha comunidade viva, e ocupar o lugar que deixa a inacción institucional.

O sábado pasado acudimos ao roteiro reivindicativo “do negro ao verde”, un brutal exercicio de optimismo no que medio milleiro de persoas avanzou a lombos do monte baixo as primeiras chuvias do outono, unha expedición das que anticipan as grandes migracións. Buscabamos a esperanza nos rostros da xente e nos brotes da herba, que agromaban entre as cinzas, mais non é doado transitar en positivo entre os restos mortais dun cadáver tan recente. El, que aínda cheira a borralla; e segue a perder retallos de terra e pedra, pola escorrencia e a termoclastia; quedando nos negros osos, de pau.

Fotografía de Ubaldo Cerqueiro

Artigo publicado en Que Pasa na Costa

O libro ‘Versus cianuro’ xa é unha realidade viva

Xoves, Xullo 11th, 2013

A lírica costeira ergueu a pluma contra a mina de Corcoesto e toda esa forza creativa materializouse neste libro. Pódese describir como unha obra poética, colectiva, solidaria. Tamén se pode analizar coma un ser vivo, o cal nacía espallado en cada alma que se estremecía coas primeiras noticias sobre a explotación a ceo aberto, o cal feito papel percorre hoxe o País de recital en recital.

O pasado verán aumentaba a socialización do conflito e a Plataforma pola Defensa de Corcoesto e Bergantiños organizaba un recital de poesía, versos contra o cianuro, no Couto. Este ano, a Asociación Cultural Caldeirón de Malpica comezaba a recompilar poemas ilustres contra a ameaza mineira, e facía unha chamada a incrementar o material. Lucía Aldao, Lino Braxe, Rosalía Fernández Rial, Paco de Tano… Finalmente Paco Souto reunía as colaboracións altruístas de 75 -setenta e cinco- poetas da Costa da Morte -e arredores- e nesta primavera saía do prelo o libro editado por Caldeirón con ilustracións de Nolo Suárez.

‘Versus cianuro, poemas contra a mina de ouro de Corcoesto’ presentouse ao público do ‘Concerto a ceo aberto’ de Carballo e no ‘III Enarborar o bosque’ de Santa Mariña fíxoo con lectura incluída dalgunhas persoas autoras presentes. Desde entón, continúa unha imparábel andaina de recitais, que pretenden ser un chanzo máis na loita para que o proxecto aurífero non se leve a cabo.

Velaquí as próximas paradas confirmadas (os e as autoras reparten a súa asistencia aos recitais):
11/07/2013 ás 21:00 na Gentalha do Pichel (Compostela).
20/07/2013 ás 20:30 na Bou Eva (Vigo).
30/07/2013 ás 21:00 na Semana Cultural da Festa da Carballeira (Zas).
12/08/2013 ás 21:00 na Feira do Libro de Cee.
23/08/2013 ás 20:30 na Feira do Libro de Carballo.
31/08/2013 ás 21:00 no Festival da Poesía no Condado (Salvaterra de Miño).
20/09/2013 ás 20:00 no Clavicémbalo (Lugo).
30/10/2013 ás 21:00 no Modus Vivendi (Compostela).
*Nestes actos ou a través de Caldeirón pódense conseguir exemplares do libro por 5 euros (gastos de edición e organización).

“Por que son un home feminista”

Mércores, Febreiro 6th, 2013

Seino, soa demasiado pretencioso, mais isto vai de comentar o texto orixinal de Byron Hurt para a revista afroamericana The Root. Trátase do artigo ‘Por que son un negro feminista’ aínda que tal e como están as cousas no País tamén o poderíamos extrapolar ao xeito de ‘por que son un independentista feminista’ ou ‘por que son un aldeán feminista’. Chegou aquí grazas á difusión de Proyecto Kahlo e permítome destacar e traducir esta parte, que non deixa de ter vixencia formativa, malia que moitas mulleres xa están fartas do continuo papel de vítima:

Ao día seguinte, asistín a un obradoiro de prevención da violencia de xénero facilitado por Katz. Alí lles formulou unha pregunta a todos os homes na sala: ‘Que cousas facedes para protexervos de ser violados ou agredidos sexualmente?’
Nin un só home, incluído eu, foi quen de respostar axiña. Finalmente, un home ergueu a man e dixo: ‘Nada’. Entón Katz preguntoulle ás mulleres: ‘Que cousas facedes para protexervos de ser violadas ou agredidas sexualmente?’ Case todas as mulleres na sala ergueron a man. Unha a unha, cada muller testificou:
‘Non establezo contacto visual con homes cando camiño pola rúa’, dixo unha.
‘Non deixo a miña copa sen vixiar nas festas’, dixo outra.
‘Uso o apoio das miñas amigas cando vou a festas’.
‘Atraveso a rúa cando vexo un grupo de homes a camiñar cara min’.
‘Emprego as miñas chaves como arma en potencia’.
‘Levo comigo un spray de autodefensa’.
‘Miro ben a roupa que poño’.
As mulleres continuaran durante varios minutos, até que a súa parte do encerado estivo completamente chea de respostas. O lado da pizarra dos homes estaba en branco. Fiquei parvo. Nunca ouvira un grupo de mulleres dicir esas cousas antes. Pensei en todas as mulleres que había na miña vida (incluíndo a miña nai, a miña irmá e a miña moza) e dinme conta de que tiña moito que aprender sobre xénero.

Remoede a reflexión, mais sexamos conscientes de que ser feminista é relativamente doado de dicir pero moi difícil de levar a cabo na práctica, por non dicir imposible se es home. O primeiro é ter vontade de mudar, e por iso non quero despedirme sen comentar a existencia dun grupo de homes de Compostela, son os Micromachinhos. Teñen vontade, e ademais veñen de publicar unha colaboración deste blog, esta proposta de definición do concepto de Novas Masculinidades:

O home novo rexeita o exercicio do poder patriarcal, denuncia todas as formas da violencia machista, recoñece as diferentes identidades humanas e promove a mellora da saúde propia (física e emocional), a revisión da sexualidade (cara a liberdade e o respecto), a co-responsabilidade nos coidados, a paternidade activa e responsábel, a co-educación, a linguaxe igualitaria, e a transmisión destes valores.

Obrigado!

La Voz de la Mina

Martes, Decembro 25th, 2012

Máis outra véspera de Nadal, estabamos onte a catar uns caldos do País pola aldea adiante para quecer o motor, e así comezar a cea familiar cunha areíña xusta e necesaria (hic!). Como non hai taberna que non reciba La Voz de Galicia, para comparala coa realidade e botar unhas risas, decidín poñer o ollo nunha nova sobre a reunión da Plataforma pola Defensa de Corcoesto. Aghárrate María.

O título da noticia –Mineira de Corcoesto garantiza la inocuidad de la explotación– non ten que ver coa reunión, tampouco o subtítulo, nin o propio texto (non a ligo aquí por aforrarvos o disgusto e por boicoz). Só na foto aparece a única que está a dar a cara, a Plataforma pola Defensa de Corcoesto, cando a Mineira é quen ten máis cara. A Voz fai de altofalante de Edgewater e publica un burdo ataque á Sociedade Galega de Historia Natural por difundir un alarmante informe do CSIC, organismo que cousas da vida ven de situarse entre os 10 principais centros de investigación do mundo. Este enxendro informativo está asinado por S.G.Rial, mais nestes tempos difíciles tampouco nos imos cebar cunha persoa que non é máis que unha mandada do director.

Sorprendeume bastante que un señor tan independente sucumbise aos encantos dunha empresa de Canadá. Aínda que xa tiña escoitado da boca dun veciño seu que “Santiago Rey vive de tres piares: a defunción, a prostitución e a subvención“. O das esquelas é culpa nosa por non morrer con estilo, o dos anuncios de contactos habería que miralo (polo menos para os espazos públicos que reciben o panfleto), e o das subvencións… Amigo! Aí é onde lle doe porque como me ten contado unha ex-traballadora da Voz: “o PP non ten que afrontar convocatorias electorais a curto prazo e polo tanto non ten necesidade de arbitrar axudas para propiciar conivencias informativas“.

Que conste que non me parece mal que o marqués de Sabón se bote uns amigos canadenses para buscarse a vida, pero aconséllolle que non o faga a costa da saúde da xente, esas cousas acábanse pagando.

P.S.: enzoufándome na hemeroteca da Voz atopei outras informacións ao respecto, arrepiante…

Somos los primeros en contra de la minería contaminante, onde o autor do titular non é un portavoz da Plataforma de Corcoesto senón o responsábel de medio ambiente da Mineira (entrevistado a toda cor desde os ‘mundos de Yupi’).

El personal de Mineira reclama el fin de los ataques a su trabajo, asinado por Toni Longueira, onde a multinacional extractiva manipula de forma surrealista e terceiromundista os seus empregados (os de Edgewater e os da Voz).

Medio Ambiente exige a la compañía un compromiso social y laboral con la comarca, sen asinar, onde a redacción de Carballo canta loanzas sobre o esixente que é a administración, cando na realidade está acelerando os trámites do proxecto saltando por riba da lexislación ambiental vixente ou modificándoa ad hoc.

P.S.2: o que nos faltaba, seica a muller do subdirector da Voz foi contratada como xefa de prensa da mineira, queda todo en familia!

P.S.3: a cousa é seria, disque a redacción de Carballo ten directrices expresas de Sabón sobre o tratamento que deben recibir as informacións sobre Corcoesto, seguiremos investigando!

P.S.4: no blog das ex-Voz e nos seus comentarios achegan máis datos intrigantes ao watergate de Corcoesto, como a estratexia da Voz de derivar a atención cara o debate partidista (nos últimos artigos a redacción de Carballo pretende identificar a heteroxénea oposición á mina nomeadamente co BNG).

Alerta sanitaria por febre do ouro en políticos galegos

Xoves, Xullo 12th, 2012

Se ben esta enfermidade se pensaba erradicada da Unión Europea, acendéronse todas as alarmas a nivel nacional cando o mesmo Presidente da Xunta anunciaba en xuño ver 1.400 postos de traballo en Corcoesto, onde non hai máis de 14 facendo a comparativa con Salave:

Xa non é ver dobre, senón 50 veces dobre, o cal dá unha achega da magnitude da doenza.

Todo parece indicar que a epidemia se está a estender pola Consellaría de Medio Ambiente / Territorio / Infraestruturas, mentres que xa está fóra de control na de Economía / Industria, segundo se desprende das febrís intervencións do seu titular.

Mais os peores síntomas observados chégannos desde o epicentro do contaxio, a zona cero da febre do ouro, Corcoesto, onde o Alcalde -xa con perdas de conciencia- ven de converter o concello de Cabana nunha sucursal de recursos humanos clandestina. E disque o seu curmán, que goberna o limítrofe concello de Zas, xa se foi mirar non vaia ser o demo.

Barállase como causa o envelenamento por cianuro durante as xuntanzas da Edgewater Exploration Ltd. cos políticos afectados:

Segundo os expertos, este virus transnacional -que se reproduce en lugares tan distantes como Galiza e Ghana– ten cura, bastaría con aplicar unha dose concentrada de dignidade do país.

P.S.: información facilitada pola Plataforma pola Defensa de Corcoesto, a única que está a loitar pola saúde do pobre alcalde e das súas veciñas e veciños