Salgueiros negros

Salgueiros negros
na chouza vella.
Os vimbios ficaron sen gallos.

Mesmo un miñato,
do territorio
os corvos son quen de escorrentar.

Marchei.

Transplantado son,
lonxe da chuvia
pingas txalaparteian no chan.

Invento un aquí.
Merco acuarelas
para me pintar coas novas cores.

Na ausencia do eu,
sil silandeiro
raíces núas bota o tempo.

Fabrico un mañá
en ningún lugar.
Nado na nada máis estanca.

Monótono son:
serras a facer
das serraduras o silencio.
Silencio lixeiro.
Silencio baleiro.
Silencio zombi.
Silencio exilio.
Silencio fracaso.
Silencio esquecemento.
O silencio estala coma un moble
e as malas noticias cortan o ar.
Asfíxiame o gume
_____do fume
__________do lume
que lambe as fragas
que non enxergo.

Voltei.

O mesmo cheiro
verniz no nariz.
As mesmas vigas castiñeiras.

Mais eses vimbios
mil-retoñaron,
malia non daren cestos de pan.

Tags: ,

Comments are closed.