Crónica da palestra ‘A lingua no ensino’ (C.S. Gomes Gaioso)
04/03/2010O Centro Social Gomes Gaioso, posiblemente o sitio da Coruña onde máis se pón en valor a lingua e a cultura galegas, está a acoller unhas xornadas de debate sobre o idioma. O pasado venres (26/02/2010) tiven o pracer de asistir a un amigábel coloquio coa lingua no ensino como vehículo comunicacional, e achei reflexións a seguir.

Iago Barros (Agir) estaba a se laiar, cando eu cheguei, do panorama desesperanzador que, sendo realistas, cobre a lingua na sociedade e nos centros educativos. Chamou a ocupar a rúa para combater o discurso galegófobo dunha elite «parasita» apoiada pola ultradereita española. Tamén explicou os labores da organización que representa, entre o estudantado, fundamentalmente na Coruña, Ferrol, Lugo, Compostela e Vigo. Neste punto, consulteille a posibilidade de sair dos teóricos ‘ghettos’ castelanfalantes para previr a perda de liberdades lingüísticas producida nas vilas: a inmersión familiar en castelán que moitos galegofalantes realizan nas súas crianzas, que antes se diluía ao entrar na escola en contacto cunha maioría criada na lingua natural, agora chega callar até facer xurdir xeracións diglósicas. Aí, coma tantas outras veces, entramos no terreo do posibilismo e os medios.
Sonia Fernández Casal (STEG) agasallounos cunhas persoais pinceladas da súa experiencia como galega, mestra, sindicalista e feminista. Dende que a súa nai lle rogara, ao se instalaren na Coruña, que non falase galego pois «para burra xa chegaba ela», foise acostumando a nadar coma salmón no río. Os coñecementos adquiridos tras varios anos dando aulas anglófonas de matemáticas no sistema educativo asturiano, servíronlle para alimentar unha crítica construtiva ao decreto do 2007 (si, o do bipartito): non contemplaba incentivos nen apoios para dar as clases en galego. Ela desfrutara na estadía asturiana compensacións por ensinar en inglés, tales coma 3 horas semanais libres para preparar contidos, co apoio do departamento de lingua inglesa. Por que non se podía facer o mesmo na Galiza co apoio dos departamentos de galego? Partindo da realidade docente, cos seus prexuízos ou filias idiomáticas, xa sexa por motivos ideolóxicos ou intelectuais, que solucións prácticas hai que poñer enriba da mesa para que un mestre dea ese paso sen molestarse porque non o teña que dar o do lado? Apoios, incentivos e material facilitado en galego, pois non todo o mundo pode investir ducias de horas mensuais na elaboración duns contidos dignos, e non se pode consentir dar aulas en galego aínda que sexa un pésimo galego.
Sonia aínda tivo tempo para polemizar coa estratexia da Mesa, aínda que
respeitando o seu traballo; pois a súa máxima de facer cumprir a lei é unha mensaxe de duplo fío segundo quen goberne, e está a solapar o verdadeiro cerne da creación de galegofalantes: a pedagoxía.
François Davo (CIG) é un cidadán Galego. El pensa que é francés, porque naceu alí e leva relativamente pouco tempo na Galiza. Mais a súa integración e implicación din o contrario. Chegou coma mestre de francés ao instituto de Pontecarreira (Comarca de Ordes), que lembra coma unha «reserva» pola conservación do idioma que xa non percibiu noutros lugares, e viu que o máis natural era exercer en galego e francés; «coma fixeron os galegos emigrados na Franza: por educación«. Observou sen embargo que a escola pública mantiña a secular imposición do castelán nunha sociedade monolingüe en galego, e que esa castelanización pública contrastaba coa baixa intensidade do servizo de normalización lingüística do galego, cinguido ao ‘folclorismo’. Máis recentemente, viviu en 1ª persoa a consulta da Consellaría de Jesús Vazquez a algúns pais, que calificou de «atentado lingüístico» en base a análises xa hiperligadas. Na enganosa consulta, obviárono a el como «pai e nai de lingua francesa» e a todos os proxenitores e titores non encadrados nas únicas opcións de lingua materna do cuestionario: castelán e galego.
Finalmente, tratouse o tema da inmersión forzosa en castelán dos inmigrantes que veñen á Galiza, cos problemas de integración que conleva fóra das grandes urbes. E emprazámonos, co optimismo que debe xerar o debate social suscitado, mais acompañados duns refrixerios, para a seguinte palestra da vindeira sexta (5/3/2010) sobre o galego estremeiro.

*
Publicado por beto.


don Camilo ou o Beiras e mais particulares e membros da cultura plástica, literaria e escénica; nun ateigado 2º andar de libraría, con xente amoreada polas escaleiras ascendentes e polas descendentes a un 1º andar tamén ateigado, mentres os habitantes da planta baixa mercaban exemplares de 8 en 8 euriños, fitaban a nada e escoitaban as pregarias do 69º anaco dunha espallada célula de galeguismo.

A xeito de cego veño









